woyza_post_final

Lembrades aquel excelente e emocionante disco de neo soul que revolucionou as nosas vidas? Lembrades aquela confluencia de estilos que namorou a tantas persoas? Lembrades o álbum “The Miseducation Of Lauryn Hill” (1998)? Sí, verdade? Pois Wöyza seguro que tamén! O parecido musical entre ambas, a galega e a afroamericana, é evidente e iso temos que celebralo.

Wöyza é Sofía Trigo, unha rapaza nada en Moaña no 1984 que pasou por moitos grupos adolescentes como vocalista ata que en 2001 comezou con este proxecto de soul e hip-hop que tanta atención chama na nosa terra. De raíces uruguaias e sentimento galego, defínese a si mesma como a liberdade, a paz, o amor, a súa identidade de creación, o espírito da escravitude, a voz da garra e o aire do seu interior. Wöyza é a loita por conseguir un soño.

A súa voz é impresionante, un instrumento moi ben afinado que conquista desde o primeiro momento. Un segredo a voces para todos os amantes do R&B nacional, unha xoia a ter moi en conta. É auténtico sentimento, pura emoción, case maxia para desfrutar con atención, unha observadora que conta o que vive desde a alma negra.

“Pisando el suelo que ves” (2008) foi o seu esperado debut, un traballo moi coidado que reflexa a sensibilidade, a forza e o poder engaiolante da artista. Nel, aprécianse as influencias de mulleres como Aretha Franklin, Nina Simone, Anita Baker ou Donny Hathaway, así como o parecido con Alicia Keys, Faith Evans ou a propia Lauryn Hill. No plano hip-hop, bebe de bandas como Wu-Tang Clan, The Fugees, Mos Def ou Talib Kweli. “SI/NO” (2015) é un EP de tres cancións que serve de aperitivo para o que nos chegará este 2016, o seu disco “Pelea” sobre a superación persoal, un álbum no que ten depositadas moitas esperanzas.

Colaborou con Nach, co mc vigués El Puto Coke, con outros galegos como Zentinela e Gran Purismo ou cos portugueses Mind Da Gap e Dealema.

30

ZC

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta