uppercut_post_final

Uppercut é un dos buques insignias dos amigos de Porno, un valiosísimo colectivo que está pegando os seus derradeiros coletazos como motor artístico galego e que inclúe a outros grupos (actuais ou extintos) como Monstruo, Avecrem, Haecceidad, Orquesta Pánico, Vozzyow ou Uzumaki. Aínda que estamos apenados pola desaparición deste selo, a súa alma permanecerá viva e toda esa enerxía seguirá transformándose noutra cousa, da mesma forma que as bandas integrantes seguirán creando.

Uppercut son de Ourense (que tamén existe!), está formado por Óscar Vázquez (batería), Carlos Romay (baixo) e David Soprano (guitarra) e fan rock matemático, stoner, música instrumental ao estilo Unicornibot pero con certos matices persoais que lles dan a súa propia identidade e que os diferencian de moitas propostas similares.

En ocasións parece que os medios especializados estatais retiran a mirada de certos lugares en busca de excentricidades ou simplemente para focalizar a súa atención nas catro bandas de sempre. Uppercut é un grandísimo proxecto ignorado por motivos.

“Crujida” (2014) é o álbum que nos permite coñecelos mellor. Son mantras sonoros poderosos e intensos ao servizo do salvaxismo e da evasión. É un disco moi a ter en conta por moitos motivos. Un, pola forza coa que abordan a mensaxe que queren transmitir. Dous, por resultar tan contundentes en tan pouco tempo de carreira. Tres, por ser de onde son, unha terra marabillosa e moitas veces inxustamente esquecida. Catro, polo agradable que resulta deixarse levar por ese fume post-rock que enche de enerxía e recarga a batería. E cinco, polo encanto que ten o do it yourself.

A súa música gusta máis con cada escoita e pódese dicir que este disco é unha das mellores cousas que se fixeron nese ano, tanto en Galicia como de Pedrafita para aló.

23

CUBO_TRAS

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta