td_post_final

Thomas Dylan é ademais de fundador, xunto a 2Pas0s, unha das principais caras visibles do colectivo vigués Verso Libre. É un artista polifacético e multidisciplinar nado en Pazos de Borbén (Pontevedra), fotógrafo, videomaker e MC que pon todo o seu agarimo e talento nas cousas que fai.

E, se moitas veces o que se lle pide a un artista en xeral e músico en particular, é que nos dea o que leva dentro dunha forma honesta e real, con este rapaz obtemos exactamente iso. Coherencia, rigor, realidade, lucidez, análises afiadas, ambiente de rúa e eses ritmos que serven de banda sonora para esta sociedade en decadencia.

“Chove” (2015) é un álbum total, un concepto global e completo que xira en torno ás sensacións e sentimentos que provoca algo tan noso como é a chuvia. Hip-hop e rap de autor (por así chamalo) que busca a harmonía tanto na base musical como nas rimas. Outra mostra de intimidade que pon de manifesto a vontade de Verso Libre á hora de coidar o material e de esforzarse por contarse a si mesmos. Este disco, claramente persoal, sácalle as tripas a moitas das preocupacións, problemas e relatividades do día a día, sen voltas á mazá, senón de forma directa, sen medias tintas e cunha linguaxe simbólica (en ocasións) moi visual e moi acertada.

Thomas Dylan (voz) non estivo só na realización deste traballo, contou tamén cos grandísimos Frank aka “Genio en la sombra” e 2Pas0s (produtores), Ichi (dj) e Javi H (fotógrafo). Un equipo de persoas que se acompañan e se aportan uns a outros. O disco (editado por Verso Libre e Lingua Nativa) son duascentas copias feitas a man con moito mimo e coidado, un agasallo de moito valor artístico para o comprador e oínte, que se agradece nestes tempos de producións asépticas en serie.

Dez cancións tremendas, cantadas en galego (que acerto!) envoltas en paisaxes sonoras que mesturan a old school do xénero coa vangarda sonora máis ambient. Hip hop da Southwest Coast galega, do litoral máis obreiro e revolucionario. Rap cálido, soleado, de 33º, que chegará á terra do nordés, á outra costa, a noreste.

23

TRAS

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta