PHANTOM_POST_OK

A verdade é que resulta un pouco curioso que unha das principais bandas galegas de rock surfeiro instrumental veña de Ourense… ou non, quen sabe! O certo é que as praias tamén poden imaxinarse e de aí esa praia oculta da que falan no seu perfil de bandcamp.

The Phantom Dragsters é un artefacto moi contundente, coidadamente preciso, auténtica dinamita para derrubar as paredes do aburrimento, verdadeira música de baile instrumental para esmendrellarse ata acabar cos xeonllos. É o sabor sesenteiro da brisa mariña, os raios de sol petando na cara, as pingas de suor escorrendo pola fronte, o optimismo, o desfrute e as caras de satisfacción. Eles traen consigo un sentimento de benestar ben prácido, moi relacionado co noso VRAO, unha música infatigable capaz de subir a temperatura no Polo Norte… ou en Ourense en inverno, que máis ou menos…

Ata o momento, teñen no seu haber dous EP. “The Phantom Dragsters” (2013), o seu debut homónimo que levantou a expectación de moita xente e “Surfin’ After Death” (2016), entregado este pasado mes de abril. Neles, fan gala das súas boas facultades, amosando un elevado potencial dentro dun estilo que, para ser honestos, non é nada tendencioso, cuestión que lles aporta un importante matiz de autenticidade.

The Phantom Dragsters teñen un son cálido, moi californiano, moi Orange County, bañado en tequila, húmido, retro, que nos trae á mente lembranzas e imaxes en sepia. Unha guitarra (Diego Stringbreaker), un baixo (David Lone Crusher) e unha batería (Abraham Nitro Bandit) son suficientes para poñer un escenario patas para arriba, pois é no directo onde amosan todo o seu salvaxismo e brutalidade.

Na súa música pódense atopar influencias obvias de grupos míticos como Los Straitjackets, The Ventures ou Dick Dale e de filmes como “Pulp Fiction” de Quentin Tarantino.

Guitarras con reverb que evocan o eco producido polo golpear das ondas, marcadas por rápidos fingerpicking que se chantan no cerebro, con influencias mexicanas, surf de interior para conquistar o litoral forense.

16

CUBO_NAMARINOS_OK

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta