laka_post_final

Da combinación de estilos, igual que da mestizaxe cultural ou étnica, acostuman sair as cousas máis interesantes. Esta idea é moito máis atractiva que a busca dunha pureza que nunca chega ou que chega sen mérito. Ademais, é unha cuestión que reflexa unha rica maleta vital absorbida ao longo dos anos, que surxe dunha forma natural, inherente ao feito creativo e que nos conforma como seres humanos.

The Lákazans son deste tipo de bandas, das que mesturan influencias para acadar un resultado moi persoal e atractivo. Formáronse a comezos desta década e, aínda que orixinariamente saíron de Boiro, desenvolven a súa actividade en Compostela e foi o bar O Miúdo o que os viu nacer. Nestes anos de vida, foron perfeccionando o seu son tanto no directo como no estudo ata acadar o gran nivel actual. As versións de clásicos foron deixando paso a temas propios e o 5 de maio de 2015 publicaron o seu primeiro traballo.

“Homegrown” é un disco fantástico, unha homenaxe ás rutas clásicas, unha mostra de respecto a todas esas cousiñas marabillosas que nos foron chegando desde os Estados Unidos. Nove cancións, entre as orixinais e as xeniais revisións de temas inmortais, que percorren eses sendeiros secos onde o romanticismo choca de fronte cos tipos duros, a sensualidade coas altas temperaturas e a tensión sexual cos chupitos de whisky.

Trilli (batería e percusión), Sabela (voz), Almudena (voz), Benja (guitarra, slide guitar e mandolina), Figui (harmónica), Likal (batería) e Fran Velo (baixo) forman un grupo ben agradable na escoita, cun son pulido que nos trae reminiscencias das dúas ramas do folk americano postcolonial (o country e o blues) e dun rockabilly ben distinguido.

Fan soul clásico con deixes de rock & roll da primeira parte do século XX e Johnny Cash, Elvis, Dylan, Neil Young, Etta James, Los Lobos, Howlin Wolf ou os máis actuais Kitty, Daisy & Lewis son algunhas das súas influencias recoñecidas. Un bo pasaporte, non credes?

IMAGEN_02

CUBOS_OMUELLE

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta