senra_post_final

Hai música que irremediablemente trae aparellada unha vaga de calor moderada por outra brisa mariña que o suavice todo. Música que atrae os raios de sol aló por onde soa, ben sexa en San Francisco, Edimburgo, Nairobi, Kiev ou Abadín. Música de verán, do noso vrao, música agradable, pracenteira e que provoca un fondo benestar.

Sen Senra é un dos tipos que fai este tipo de música para o verán que está por chegar. O que el fai son un conxunto de sonoridades cheas de luz, actitude e boa enerxía. Estamos ante unha fermosa flor máis que aparece no amplo e variado xardín das bandas galegas… e neste xardín reluce cunha luz especial este rebelde proxecto.

Sen Senra é un rapaz de Vigo de pouco máis de vinte anos (recentemente coñecido por proxectos como Demonhigh) que debutou o ano pasado en solitario cun disco redondo e gravado integramente por el. “Permanent Vacation” (2015) soa a puro garage surfeiro da costa californiana, pero bañado en augas galegas. Música lo-fi que lembra (moito!) a nomes como Ty Segall, Mac DeMarco, Ariel Pink, Harlem, Wavves, The Growlers ou White Fence, con esas guitarras pegadizas, con eses ritmos sinxelos e divertidos, con esa voz débil e berrona pero con carácter e con ese sol que vai chegando por detrás a medida que avanzan as cancións.

Sen lugar a dúbidas, é unha das propostas con máis percorrido no circuíto nacional e internacional e, se todo vai ben, agárdelles un prometedor futuro. É unha desas bandas que ofrece o que se espera dela, sen excesos nin adornos innecesarios, desas que van ao grao e que tocan sen medo a parecer outra cousa, desas que aínda encima poñen dacordo no positivo a crítica e público.

30

ZC

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta