pantis_post_final

Pantis é un presentimento… ou iso asegura no seu perfil de bandcamp… e debe ser un bo presentimento… ou polo menos, iso é o que esperamos nós como oíntes para que continúe creando música e deixando que nos chegue.

Normalmente, os proxectos artísticos en solitario supoñen unha manifestación máis persoal dese suxeito, unha vontade por entregar un interior e unhas inquedanzas ata o momento agochadas. Traen consigo un espírito de liberdade total onde a creatividade resurxe das cinzas como unha ave Fénix. E Pantis é o novo proxecto en solitario de Rubén A. Domínguez (membro daqueles fantásticos Telephones Rouges e dos actuais Chicharrón), unha proposta amable pero certamente incómoda, a veces pracenteira e outras inquedante, que nos leva a lugares mentais impredecibles e que deixa ver a personalidade dun músico excepcional.

“Pranto” (2016) é o seu debut, integramente cantado en galego, un artefacto agradable (aínda que ben melancólico e nostálxico) de sete cancións moi intensas. Pop electrónico valente, cercano ao kraut, esencialmente escuro pero con algúns fíos de luz, que parece feito na soedade do espazo exterior, con voces astrais e sintetizadores a cascoporro. Un disco aéreo, delicado, vaporoso, etéreo e expansivo que percorre temas como o paso do tempo, o amor, as perdas vitais e as lembranzas do pasado invadindo recunchos privados da persoa.

De fondo, aprécianse variadas e múltiples influencias como a do xenial Helado Negro, o cromático Panda Bear, os míticos Kraftwerk, os luminosos Porcelain Raft ou o elegante How To Dress Well, ou sexa, cousa fina!

16

CUBO_NAMARINOS

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta