SEIJAS_POST_FINAL_OK

Hai un estilo musical que triunfa en España, ou máis ben unha liña, unha forma de cantar e de comunicar, uns ritmos chamativos que entran fácil, que gustan á maioría, unha música pegadiza que se encontra nesa liña fina que separa o mainstream do independente, sen decantarse claramente hacia ningún dos dous lados. Vetusta Morla, Iván Ferreiro, Love Of Lesbian, La Habitación Roja, Los Piratas, Abraham Boba ou Sidonie son só algúns exemplos destacados disto que falo.

Aquí, en Galicia, temos un proxecto en solitario que ben podería entrar neste recoñecido grupo. Chámase Pablo Seijas e é o vocalista e guitarrista de Misterioso Viaje Holanda. Fai esencialmente pop, con toques de folk norteamericano e con algún deixe de rock suaviño. Ten un son moi traballado, envolvente, con arranxos ben coidados e aporta un importante aspecto imaxinativo nas súas creacións.

“Para brillar” (2013) foi o seu disco de debut. Trece cancións delicadas, amables, moi melódicas, intimistas e introspectivas, onde a sensibilidade é unha das pezas clave e que están coidadas como as pezas que crea un artesón. Neste traballo, amósanos o seu mundo a través dunhas composicións variadiñas que beben de moitas fontes e que conquistan desde a primeira escoita.

As súas influencias andan repartidas entre a familia Simpson, o lirismo e as melodías de The Smiths, ese tipo de letras que son libres á interpretación do oínte, os aires de clásicos inmortais como Paul McCartney ou Bob Dylan, algunhas paisaxes Radioheadianas, a sensibilidade de Suede e o pop clásico español que escoitarían moitas veces de forma pasiva.

09

rente