neboa_post_final

A comezos da década dos 90 nacía en Bristol un xénero alternativo a todo o que estaba sucedendo no resto de Europa. O trip-hop emerxía con forza no Reino Unido da man de míticas bandas como Massive Attack, Portishead, Tricky ou Howie B, e pronto se extendería aos Estados Unidos da man de djs que andaban no hip-hop e no trance. Desde aquel tempo ata agora, son moitos os que seguiron ese camiño estilístico e moitos outros os que se viron influenciados e abriron novas vías.

Dito isto, parece que non vai quedar un estilo musical sen tocar no actual panorama musical galego. É o turno, agora, deste trip-hop, ou máis ben convén dicir post trip-hop, que chega da man de Néboa, unha banda de Catoira formada por Aloia Drex (voz e coros), Miguel Fernández (rhodes e sintetizador), Tomás “Valent’huomo” Porteiro (guitarra eléctrica e coros), Jacobo García (baixo eléctrico) e Lucas Suárez de Centi (batería).

Dentro da influencia dese estilo británico, atopamos tamén pingas de jazz, de bossanova, de soul e dun folk patrio actualizado que soa moi fresco. Lembra moito, ademais de a todos eses precursores do estilo, a Morcheeba nas atmosferas sonoras pero cunha voz que contrasta co tono etéreo e vaise máis a rexistros propios de Carla Morrison ou Julieta Venegas. Néboa teñen algo daquelas bandas marabillosas de comezos do século XXI que posuían tanto encanto. Falo dos esquecidos Hooverphonic e daquel xenial “The Magnificent Tree” (2000), do “What Sound” (2001) de Lamb e do “Simple Things” (2001) de Zero 7.

Con moitas cousiñas en común coa música ambient, coa doce calma que aporta a música downtempo, que convida ao baile intelixente, con tendencias da cultura hip-hop e cunhas marcas neopsicodélicas moi agradables, Néboa son firmes candidatos a banda máis elegante da actualidade gallega. O seu EP “Antes da tormenta” (2015) deixa ver un potencial grande e ilusionante, con fermosas cancións en galego e castelán que nos conquistarán.

16

CUBO_NAMARINOS_OK