musel_post_final

O polifacético e inquedo coruñés Óscar Vilariño á guitarra e voz (ex Vale Tudo, ex Triángulo de Amor Bizarro e Mullet) alíase agora con Eva M. e Iván Juniper (teclados e batería de Linda Guilala) e con Carlos Méndez co baixo e o theremin (Membro de Los Duques de Monterrey ou Pedrito Diablo Y Los Cadáveras) para dar continuidade a ese proxecto creado no 2011 e chamado Musel que conxuga sinxelas cancións pop poñendo como base o son característico de grupazos de sempre como Galaxie 500, The Velvet Underground ou Codeine e de outros algo máis actuais como Sparklehorse, The Beta Band ou as guitarradas de Spiritualized.

Pop, rock, dream pop e slowcore, por aí van os tiros dunha banda de tremenda urxencia e actualidade. “Rabuña” (2015) son catro cancións con letras interesantes, catro pingas shoegaze con tintes psicodélicos e cunha fermosura que se empapa en nostalxia, melancolía e amargura. Acordes hipnóticos e melodías bonitas marcan unha pauta musical de máxicos ambientes sonoros guiados pola lingua galega como vehículo canalizador da mensaxe (aspecto moi importante para nós). Unha estrea de luxo que está dando moito que falar.

O selo estatal Acuarela fixouse neles e aquí nolos trae neste atractivo e suxerente EP en formato vinilo de 10”.

Intensos e pouco amables, escuros e moi na liña de outros compañeiros de selo como A Veces Ciclón (que tamén lidera Vilariño). Música que pode animar por momentos, mais que tamén afunde nesa doce amargura que a veces buscamos cando queremos pensar. Son unha proposta ben fresca para consumir en pequenas doses, sen présa, deixándose levar por eses aires narcóticos, fixándose no que teñen que contar e na súa particular maneira de facelo.

09

rente

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta