musculo_post_final

Músculo! déronse a coñecer fai case catro anos co EP “Buon Giorno”, que contiña catro temas (dos que só quedan dous: “Sed” e “Panzer”) que mesturaban punk, krautrock, noise e electrónica cunha sutileza que chamou a atención de moitos curiosos. E investigando sóubose que eran cinco mozos de Valga que parecían tomarse estas cousas da música en serio. Tras a marcha do batería orixinal, agora son catro mozos que fan honra ao nome do seu proxecto cunha forza pouco habitual nun debut. Catro mozos coa firme convicción de facer cancións que responderan ás súas múltiples inquedanzas. Hoxe en día, son unha das bandas máis recoñecidas e seguidas tanto no panorama galego como estatal.

Son rítmicos e melódicos, ruidosos e bailóns, guitarreiros e electrónicos, distorsións e bombos que trituran, sintetizadores e baixos pesados, voces agresivas e delicadas, letras directas, mensaxes incómodas. Son a masa de tecido orgánico formado por fibras que ao se contraeren e estiraren producen o movemento.

Álvaro, Nicolás, Javier e Raúl fan un pop electrónico moi aditivo que, en ocasións resulta alucinado e, noutras, atlanticamente elegante.

As súas cancións son auténtica enerxía que incita a moverse, esaxeradamente dinámicos, moi festivos, contundentes, vitalizadores e vangardistas. Boa mostra de todos estes adxectivos son temas como “Žydrūnas”, “Zelig”, “El tiempo muerto”, “Solaria” ou “Los Chicos de Chicago”, pingas todas dun talento manifesto que medrará o que lles deixen.

Sen lugar a dúbidas e sen medo a caer na imprudencia, Músculo! veñen a demostrar que a ambición (medida) mellora sempre o proceso creativo, e desviste ás ideas de inseguridades e de temores a amosar potenciais ocultos.

Como Caribou, Holy Fuck, Bear In Heaven, Liars ou PVT están dispostos a destrozar a pista de baile cos seus ritmos sen freo.

IMAGEN_02

IMAGEN_ESCENARIO_02

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta