matargente_post_final

Sempre houbo grupos con nomes que reflexaban ideas moi diferentes con respecto ao seu son. Aí están bandas como os brutais Swans, os delicados e elegantes Destroyer, os pouco doces Viva Belgrado ou os feridos e sufridores Nirvana.

A Matar Gente pásalle algo parecido. É obvio que, con semellante nome, un esperase un tipo de música abrasadora, salvaxe, brutal e moi pouco amable, mais a realidade vai por outro camiño. É un proxecto interesantísimo que non fai moito ruído mediático (máis ben permanece nun plano bastante discreto) pero que é precisamente nesa falta de protagonismo onde radica parte do seu segredo. Matar Gente é pura tranquilidade, é a baixada de revolucións contra esta sociedade que vai demasiado rápido, é un feitizo pracenteiro que senta de marabilla!.

Nico Nieto, que seguramente coñeceredes por ser o baixista de Músculo!, é quen se agocha detrás deste violento nome. E non sei se quere matarnos a todos pero se é así, que o faga coa súa música porque de morrer, que sexa con esta banda sonora.

Nico toca a guitarra e vaise gravando en diferentes pistas para posteriormente lanzalas unhas sobre outras e así crear este fermoso e delicioso enredo de fíos sonoros. O que fai podería etiquetarse como drone, ambient ou slowcore, aínda que, a verdade, é que isto tampouco serve para facerse unha idea do seu traballo. É mellor escoitar e deixarse levar porque… sí, esa é a mellor das etiquetas para definilo, a de “deixarse levar”, coma a corrente dos ríos.

En seis anos, publicou trinta e oito cancións entre EP’s e LP’s. “Todo le llega al que sabe esperar” (2014), “Singles 2013” (2013), “Onironáutica” (2013), “Demonster” (2011), “Konstant” (2010) e “Oil” (2010) son as súas cousas. Álbumes conceptuais (ou non) concebidos para ser desfrutados e para enchouparse nesas atmosferas guitarreiras expansivas.

IMAGEN_02

CUBOS_OMUELLE

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta