cabecera_portada_b

MANIFESTO

O verán é esa época do ano que, no hemisferio norte, o noso, vai desde o 21 ou 22 de xuño ata o 22 ou 23 de setembro. Pero en Foz o verán non existe… e non me refiro a esa tendencia maliciosa que chega das Castelas de criticar o noso clima, falo de que aquí, a este período de tempo chamámoslle vrao desde que nacemos. O vrao. A estación máis calorosa do ano, esa que segue á primavera e que precede ao outono.

O vrao son pantalóns cortos, sabor a salitre na pel, bicicletas, area clara e fina, comidas na praia, cervexas nas terrazas dos bares, o nordés de cando en vez. É o sol, o churrasco ao aire libre, a amizade, a familia, o cheiro a algas, é tirarse do faro, a chegada dos de fóra que son da casa e dos de fóra que son de fóra, o porto cos seus barcos, a vida simple. Son as festas populares, o Carme, o San Lorenzo, a Festa de Marzán, as longas noites de troula, os pementos de Padrón, as vacacións. Éo todo.

O vrao son tres meses moi especiais que pasan voando e que se aproveitan ao máximo e, é por este motivo que, o proxecto bandeira de Ó! Cultural se chama así, VRAO, sen máis.

VRAO é un festival de sons independentes que chega xa á súa terceira edición. Un festival de músicas independentes do país, da nosa terra, o cal supón unha clara e profunda aposta polo patrimonio cultural galego, así como unha confianza insobornable nos novos talentos musicais que surxen cada día.

Coa zona do porto como entorno protagonista e coa localización irmá da rúa Concello de Sarria, a vila tinguirase de música durante cinco días que prometen ser máxicos. VRAO é unha combinación gratuíta de sons, identidade, sabores e paisaxes. É a recuperación da música na rúa como elemento de igualdade social e de desfrute. É a crenza no pequeno formato como unha fuxida dos eventos creados para as grandes masas e signo distintivo de calidade, rigor e encanto. É unha pequena achega ao que está a suceder en Galicia musicalmente nos últimos tempos, que é moito.

Nesta terceira convocatoria de VRAO quixemos darlle unha volta ao concepto festival e convertímolo nun ciclo, cuestión que supón un claro crecemento con respecto ao concepto inicial, así como un paso máis no noso convencemento e vontade de renovación constante. É outra edición para a consolidación no combate que Ó! Cultural libra de forma moi consciente a favor da cultura do país. Supón unha acertada e cálida selección de bandas dentro da non-escena musical galega, do extenso e máis que interesante panorama actual de sons da nosa comunidade. Unha representación importante, experimentada, nutrida e variada dos diferentes estilos que hoxe abandeiran a nosa música.

Os cinco sábados do mes de xullo (02, 09, 16, 23, 30 de Xullo) pasarán por Foz un total de vintecinco bandas (máis do dobre que en anos anteriores) de diferentes latitudes da nosa xeografía, que seguro farán as delicias dun público que medra en número e ilusión.

VRAO é a volta ao lugar que nunca debimos deixar, porque como dixo Serrat “a liberdade é o verán”.