linda_post_final

Das cinzas de Juniper Moon naceron en 2005 os vigueses Linda Guilala, unha das bandas galegas máis recoñecidas a nivel estatal e incluso internacional. Iván (batería e programacións), Eva (voz, teclados e programacións) e Bruno (guitarras e programacións) forman este trío de power pop que tanta atención e éxitos recolle en países como México, Estados Unidos, Reino Unido, Singapur, Italia, Perú ou Arxentina.

“Bucles infinitos” (2009) foi o seu debut no selo Elefant Records, o que levantou tantas expectativas e “Xeristar” (2014) representa un punto de inflexión na súa carreira. Entremedias, un EP en 2011, “PARANORMAL EP” (2011), producións para outras bandas (When Nalda Became Punk, Axolotes Mexicanos ou Los Bonsáis) e foron músicos de directo de Apenino. RNE-Radio 3 fíxoa unha das súas bandas de cabeceira en moitos dos seus programas e outras emisoras independentes de medio mundo tamén se fixeron eco das súas cancións. O pasado venres publicaron o seu novo disco “Psiconáutica”, un traballo ilusionante que abre novos horizontes e que os consolida no mapa estatal e galego.

Linda Guilala teñen algo que os fai adictivos, pode que sexa por esas texturas densas e cativadoras, ou por esa enerxía xuvenil que lles dá frescura, por ese amor que teñen polos clásicos dentro do seu estilo, por esa mestura de tecno-pop e punk ou polos raios de luz que levantan os seus ambientes shoegaze. Son un grupo brutalmente contundente, cuns muros de son que quitan a roupa sustentados en preciosistas melodías pop, que percorren territorios moi interesantes similares aos seus veciños de Triángulo de Amor Bizarro (pero un tanto máis doces) ou Los Planetas (con esa influencia dos anos 90) e con toques grandes de My Bloody Valentine (influencia de tantos…), dos queridísimos Spiritualized (no seu xeito máis expansivo e espacial) ou de A Place To Bury Strangers (na fonda pegada).

Aquí haberá moito fume, atmosferas explosivas, sensacións de levantarse e voar libremente, calidade a esportas, maxia bruta, amaneiramento e tenebrismo, calidez feminina e instrumentos distorsionados e atronadores… non se pode facer máis con menos.

09

rente

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta