fripp_post_final

Fripp & Kitte son un dos segredos mellor gardados da actual música alternativa galega. Pouco máis nos chega deles que unhas cantas imaxes e media ducia de cancións en forma de vídeos en YouTube. Gañaron o segundo premio do Xuventude Crea 2015 pero iso non fixe que sobre eles seguise habendo unha interesante nube de misterio.

“The Bitter Me”, “Na Noite Escura”, “Ó pé do Río” e “In my hour of darkness” son as catro cancións que fixeron públicas ata o momento, cancións dunha beleza a proba de bombas e que deixan moi claro o pau do que vai esta parella de músicos. Composicións en galego e inglés coa contundencia do acústico e que matizan un estilo que xa ven marcado de serie.

Son varios os motivos polos que nos decidimos a contar con eles. Porque cremos que serán unha das grandes sorpresas desta edición. Porque nos parece que a súa comuñón co público será total. Porque esa combinación de folk, pop e blues é unha forma que sempre funciona. Porque consideramos que eloxian a música popular desde a independencia de criterios. Porque actualizan e modernizan a canción tradicional galega cunha voz en feminino fermosamente caseira (no sentido de fogar). Porque son un proxecto moi cálido, cómodo e amable. Porque facía tempo que non escoitabamos dúas voces tan diferentes maridando tan ben. Porque a súa imaxe transmite (dunha forma absolutamente natural) o mesmo que a súa música. Porque están dando uns primeiros pasos artísticos marabillosos que parecen invisibles para moitos outros promotores. Porque cremos non só que merezan unha oportunidade, senón que estamos desexando velos facer. Porque teñen unha intuída maleta de referencias estilísticas que impresiona. E o máis importante, porque representan a nosa filosofía e queremos que sexan unha das bandas que forme parte da historia do noso festival.

Os aloumiños vogais de Kitte acarician a pel como un anaco fresco de seda, mentres que a forza de Fripp desgarra a alma. Delicados, sensuais, íntimos, elegantes, sedutores, fascinantes e contundentes na súa fórmula de mínimos onde voces e guitarras (acústica e eléctrica) fan as delicias do oínte.

30

ZC

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta