episcopal_post_final

En ocasións, dá (e deu) a sensación de que Lugo non existe dentro da escena cultural galega e, a dicir verdade, parece unha cidade silenciada, ignorada e, en definitiva, pouco presente no día a día. Lugo é un lugar minusvalorado e inxustamente tratado. Non nos enganemos, Lugo é o máis underground que hai!.

Esa muralla, ese casco vello, eses bares, esas rúas, esas temperaturas extremas tanto en inverno como en verán, ese cheiro a hip-hop, o skate park de Frigsa, a “pista roja” en Fingoy, ese O Carqueixo, ese río Miño. O santísimo C.B. Breogán! O xornal máis desfasado do planeta, o puto EL Progreso. O Clavicémbalo, o Ho! Gruf. Bandas como Holywater, Synth Allien, Mullet, Aníbal Anisakis e toda a tropa de Disco Episcopal. En definitiva, u-n-d-e-r-g-r-o-u-n-d.

Como reza no seu perfil de bandcamp, Disco Episcopal é un colectivo lucense capitaneado por Aloe Perra e P. Vicio que se move na vangarda e que se atopa cómodo na baixa frecuencia. Tamén é un netlabel que se crea para dar saída ás veas máis bailables de xente como Imperio Sayago, Silicon Baile, Ocre bleu, Skinny T. ou Rodildedieu.

Na súa música percíbense ecos do UK Garage, daqueles ritmos segredos máis raveiros, aires house, bass, techno e influencias das vangardas sonoras locais e globais, afastándose da tendencia maisntream da música electrónica. A elegancia é unha das dinámicas que guía os seus directos, así como unha ansia creativa sen límites que os leva a cabalgar animais libres e salvaxes.

Aloe Perra nada a crawl, de costas e a braza entre basslines potentes, pads traídos do espazo exterior, gravacións footwork, deixes de pop de sintetizador e balas de melancolía sonora. Paspi Vicio déixase levar máis polo techno de estilo Detroit e Chicago, menos ambiental e máis clásico, moi negro, con ritmos acelerados e radicalmente maquineiro.

Disco Episcopal valen tanto para unha pista de baile vintage ben escura, como para unha rave nun polígono, unha discoteca mítica ou para escoitar na intimidade da habitación.

30

ZC

Next post →

Deixa unha resposta