diola_post_final

Lembrades o concerto de clausura de Unicornibot na primeira edición de VRAO en 2014? Lembrades aquela salvaxada? Lembrades como acabou todo o público no escenario entre os músicos? Lembrades os ritmos tolos e a entrega daqueles músicos? Nós sí… e seguro que vós tamén!

Pois nada, como xa sabedes, produciuse a xubilación de Unicornibot e uns meses despois fomos testemuñas do nacemento de diola. Isto foi unha nova triste e outra nova alegre para o público galego (e español). Toño (voz e baixo), Gonzalo (guitarra e voz) e Gayoso (batería), un 75% da banda pontevedresa, parece que non poden parar de crear e volven con diola, un interesante proxecto (na liña da súa parenta Djalminha) de rock exótico e voces agudas, coa suma novedosa duns sintetizadores que os achegan ao son de Battles.

“eh!” (2015) son catro cancións cunha duración perfecta, catro tiros directos na testa, con letras enigmáticas, encriptadas e con ritmos repetitivos que buscan o machaque e o baile recurrente. Catro hostias de man aberta que anticipan un potencial coñecido por todos e que ilusionan pola esperanza do que está por vir.

Poden lembrar a Suuns (en “Pletórico”), aos pirados Rosvita ou aos valencianos Betunizer, mais con ese inconfundible selo pontevedrés do Liceo Mutante ao que nos teñen ‘mal’acostumados. Hai un nacemento que celebrar, un bautismo na igrexa rock en cervexa, tequila e whisky. Non é necesario nin garabata nin traxe, tan só zapatillas para bailar.

23

CUBO_TRAS