BIFANNAHPOST

Esta banda con nome de bocata portugués chegou ás nosas vidas fai tan só uns meses e non podemos facer outra cousa que rendirnos ante semellante proposta. A expectación que están levantando tanto en crítica como no público é notable e diversos medios de comunicación estanse facendo eco deste interesantísimo proxecto musical.

As bifanas son bocatas típicos de Porto, pans recheos de carne de porco moi habituais dos postos nas festas populares. Tamén os poderedes lembrar porque son un dos pratos típicos (xunto ao caldo verde) en festivais como Paredes de Coura. E compartindo a fonética e parte da morfoloxía desta palabra, temos a Bifannah, formada por Antón Martínez (batería e percusión), Antía Figueiras (voz, baixo e teclados), Guillermo V. Zapata (voz e guitarra), tres mozos que anteriormente estaban en proxectos por todos coñecidos como Avispa, Wild Balbina e Mvnich e que comezaron a facer cousas artisticamente na primavera de 2015 entre Galicia, Barcelona e Londres.

O seu EP de debut, tamén chamado “Bifannah” (2016) son cinco frechazos directos ao corazón, deses que se cravan con forza e que permanecen aí chantados un tempo considerable. Cinco cancións sen aderezos extranecesarios, sinxelos, pegadizos, con melodías románticas próximas ao pop colorista das costas californianas pero coa calidez e o sabor de Río de Janeiro. Música vaporosa, con moita luz, tocada con instrumentos moi especiais (unha guitarra twang, un teclado Eko Tiger del 66, un fuzz ThunderTomate, unha reverb de cinta) que provocan un son delicioso e moi sexi.

Bifannah revisitan o rock dos anos sesenta (igual que fixeron outros como Best Coast), déixanse levar polos aires psicodélicos que soplan desde o mar, con atmosferas propias do moody garage, tamén con cousas da new beat generation e, o máis característico, cun marcado estilo tropicalista que ven de onde todos sabemos. E entre as influencias que se poden intuir, Caetano Veloso, Wild Nothing, Real State, Girls, Tennis ou Surfer Blood. Non será O Caribe, non estaremos a 30º, probablemente haberá que levar unha chaquetiña pero seguro que se estará xenial.

FOTO: SANDRA MG

CUBO_16_CAS

CUBO_NAMARINOS