ago_post_final

A “Agorafobia” é un medo irracional aos espazos abertos que se traduce nunha sensación de angustia e pánico por enfermar e non poder fuxir de dito espazo. E Agoraphobia é, ademais do mesmo termo en inglés, un grupo de música galego formado por cinco enérxicas rapazas con ganas de pegarlle un bocado ao mundo. Deben o seu nome a unha canción dos estadounidenses Incubus da época na que estaban no instituto. Aquí non hai sentimentos de inquedanza ou de ansiedade, nin ningún temor por saír do niño. Hai, en cambio, moita forza para encarar a realidade e de desfrutar o que está por chegar.

Todo comezou hai dez anos en Boiro con “Mentir y gobernar”, que foi a maqueta que as colocou no radar musical. Máis tarde chegou a universidade, as transformacións e os cambios na banda ata a agrupación actual. En 2013 gañaron o primeiro premio no VodafoneYu Music Talent, o que as levou a xirar por toda España. Logo chegou o seu debut longo “Dirty Little Things” (2014) e viven un despegue que as leva a un dos festivais máis interesantes do mundo, o South by Southwest de Austin (Texas). O pasado novembro, publicaron o EP “Ready To Play” (2015), cinco novas e potentes cancións coas que volveran a Texas xunto á galega de adopción Aries.

Susana (voz e percusión), Aislinn (guitarra), Sabela (guitarra), Lucía (baixo) e Paula (batería) fan garage rock, directo, cru e salvaxe, cun son moi coidado, contundente e cheo de distorsión e guitarras rápidas. Con influencias de The Bangles, Yeah Yeah Yeahs, The Gossip ou The Black Keys, son unha proposta moi atractiva por moitas razóns, entre elas, esa vontade riot girl que as caracteriza.

Unha banda que parece imparable e que ten como obxectivo principal facer bailar á xente. Teñen moitas papeletas para ser protagonistas na escena musical estatal que está por vir.

16

CUBO_NAMARINOS_OK

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta