abelvision_slider_post-ok

Non é doado atopar pubs e bares nos que a selección musical sexa o suficientemente interesante como para chamar a atención. Hai moita diferencia entre os locais que coidan este aspecto e os que se deixan levar por ese masivo reggaeton machista e humillante ou polos evidentes e fatigantes éxitos da radio fórmula. É por este motivo polo que sitios como o Telefunken e O Patachím en A Coruña ou o Uno Está e o Vademecum de Vigo permanecen na memoria de todos os que os vivimos de preto.

Nesta terceira edición do festival, quixemos contar cun dj, cun deses disc jockeys estilosos que respetan a música, os estilos e a historia, así como o lugar e o momento no que vai ser pinchada.

Eliximos a Abelvisión pola súa indubidable clase mesturando música. As súas sesións son un verdadeiro desborde de talento, elegancia, cultura musical e un claro dominio do oficio. Funk (desde os 70 ata os nosos días), jazz, boogie, groove, disco, soul, latino, tropical, bossa nova, electrónica, pop dos 90… son algúns dos estilos que domina, aínda que persoalmente se decante polos xéneros menos comerciais e populares. Unha atracción pola fusión de estilos que deixa pegada en cada sesión.

Este selector de música de Compostela leva xa moitos anos pinchando. Curtiuse nunha radio pirata (Radio Kalimera) nun programa adicado á electrónica, máis tarde comezou a interesarse polo jazz desde que coñeceu un disco de Louis Armstrong e isto abriulle a porta a outros estilos irmáns. A Reixa, Kunsthalle e Capitol (Compostela), 14 Club (A Coruña), Ondarra Club (Donosti), Muddy’s Radio Bar (Xixón), Explosivo Club (Zaragoza) ou Beat Club (Segovia) son algúns dos míticos locais polos que pasou, mentres que na actualidade é dj residente no Bugulú.

Tamén pinchou para bandas como The Sweet Vandals, Watch Out, The Faith Keepers ou Freedonia e participou en festivais como no Slap Indoor Festival, no Galicia Woodstock ou en Mondosons Compostela.

30

ZC

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta