2pasos_post_final

Verso Libre é un dos colectivos máis interesantes dentro do hip hop galego. Music, films & artwork son as disciplinas ás que eles mesmos se adscriben na súa páxina web. Estes vigueses son máis dunha ducia de artistas que están a facer cousas incribles e un dos nomes máis atractivos é 2Pas0s, proxecto musical de Manuel Ballesteros, un produtor galego que dá os seus primeiros empurróns neste mundo en 2005 e que hoxe en día, once anos despois é un dos nosos grandes valores.

Este rapaz mestura hip hop, downtempo, ambient, dubstep ou IDM con xustas doses de agradable experimentación sonora e o resultado é sorprendente, por complexo, rico en matices e totalmente vitalista. Trátase dun universo moi especial que é obrigatorio descubrir.

“Hypnosis” (2016) é o seu primeiro traballo, un disco descaradamente guai, moi bonito, asombroso, exótico e escuro, fodidamente íntimo, con melodías enigmáticas de nave industrial en ruínas, con notas luminosas que entran polos cristais rotos das fiestras, con percusións máxicas e paisaxes sónicas que deixan un moi bo sabor de boca. Un álbum a base de samplers, sintetizadores, drumpads, controladores e unha dimensión grande de talento. Nove cancións orixinais máis un bonus track (remix de Foals+Henry Green) que forman un rico calidoscopio musical, elaborado con moito gusto e calidade. En definitiva, unha preciosidade moi persoal que amosa a cara real e interior dun músico prometedor.

Se vos gustan as atmosferas libres de Bibio, a bruma gris de Burial, calquera cousa dese xenio que é Four Tet ou os xogos coas emocións de Pantha du Prince, este é o voso disco… e feito na terra! Sen medo á equivocación, entre os tres mellores discos de electrónica do estado.

2Pas0s fai a súa música en directo coa axuda dun MPC e con controladores MIDI e diversos efectos, o cal supón unha arriscada e valente proposta xa que este tipo de proxectos electrónicos gañan coa creación ao vivo.

23

CUBO_TRAS

← Previous post

Next post →

Deixa unha resposta